O heroe dos nenos do gueto de Varsovia

O pediatra e escritor Antonio Pombo rescata a figura de Janusz Korczak, pedagogo pioneiro na defensa dos dereitos infantís asasinado nas cámaras de gas de Treblinka.


Todo sucedeu grazas á longametraxe de Andrzej Wajda Korczak (1990), que coñeceu en Santiago, xa logo vai para trinta anos. «Eu non sabía deste home. Pero, desde as primeiras escenas, tiven a intuición de que estaba ante unha obra de arte, algo marabilloso. Non daba creto ao que narraba Wajda. Xa non digamos cando chega á escena da procesión macabra, cando os SS irrompen no orfanato do gueto de Varsovia e o desaloxan: aí están os 200 nenos, con Korczak, a educadora e o resto dos profesores, camiño do tren que os levará a Treblinka e ao exterminio», evoca o pediatra e escritor compostelán Antonio Pombo Sánchez.

El quedou tan impactado que, á parte de descubrir a Janusz Korczak (Varsovia, 1878-Treblinka, 1942), o filme supúxolle un shock emocional, de xeito que empezou, «dunha maneira obsesiva, febril, a buscar libros deste home e sobre el». Para a súa sorpresa, Korczak non contaba na bibliografía en castelán -«entón a Rede non existía, non había xeito de achar nada»-, apenas algunhas obras editadas en Hispanoamérica. Pouco a pouco, en librerías de vello, fíxose cos textos infantís El rey Mateíto e Kaitus o el secreto de Anton, e atopou en México el Diario del gueto e El derecho del niño al respeto, e en Buenos Aires, Cómo amar a un niño. Converteuse nun devoto. E, a raíz diso, reflexionando, deu nunha idea fixa: «En Centroeuropa e Latinoamérica é un ser case venerado. Cando me xubile, teño que escribir algo sobre este home, para dalo a coñecer en España, para difundir o seu traballo, no só a súa figura».

Tres décadas despois daquel idilio cinematográfico Pombo vén de publicar no selo catalán Xoroi La derrota de la razón. Janusz Korczak, médico, educador y mártir, para saldar unha débeda e facer memoria, non só do heroe do gueto senón dun pioneiro da pediatría moderna, un visionario. «Na miña profesión -lembra Pombo-, cantas veces, en silencio, no exercicio profesional, teño pensado: ‘‘¿Que faría o doutor Korczak neste intre no que eu me vexo agora?’’. O libro Como amar a un neno tería que ser de lectura obrigatoria para calquera pediatra». Este texto e Dereito do neno ao respecto mostran como Korczak foi un precursor de cousas da psicopatoloxía de infantil e da pediatría que 40 ou 50 anos máis tarde abordaron outros especialistas. «O certo é que naquela época el tivo escaso eco -relata Pombo-, os conceptos psiquiatría infantil e paidopsiquiatría non existían, estaban por facer. Nin se concibía a enfermidade mental nun neno. Dos autistas dicíase que eran esquizofrénicos. Aos nenos da rúa aplicábanlles disciplina militar e os trataban como delincuentes». Calquera que pasaba, fose comerciante ou policía, podía darlle unha patada ou unha labazada a un neno da rúa. Nos orfanatos había castigos corporais, días enteiros sen comer… «Korczak non entendía que isto ocorrese. Foi un mozo moi observador, fillo dunha familia cultivada, economicamente moi ben situada. Percibir ese contraste, xa moi novo, sorprendeuno moito. Como estudante de medicina, como pediatra -lembra-, ía moitas veces a visitar, sen que o chamasen, ás familias dos barrios pobres de Varsovia, vía aos nenos, e se había que mercar un fármaco lles deixaba cartos na casa».

Korczak deixou o seu posto na Sanidade pública, o hospital pediátrico no que traballou, e a súa clínica particular. En 1912 puxo en marcha o Orfanato. Reprochábanlle que se pretendía facer un palacio para os nenos, e el respondía que só quería un sitio que fose un fogar, onde entrase o aire fresco, onde os nenos puidesen recibir a educación á que tiñan dereito. Daquela empezaba a estudar a obra freudiana e a dos grandes autores da época, Montessori, Pestalozzi, Decroly, creadores da nova pedagoxía e que concibían o mestre como protector da infancia.

«La derrota de la razón»

«O neno é a persoa de hoxe, non é a persoa de mañá»

Janusz Korczak estableceu unha lista dos dereitos do neno na que se inspirou moito despois a Declaración internacional dos dereitos da infancia de Nacións Unidas. Dicía que «o neno é a persoa de hoxe, non é a persoa de mañá», como ser desprotexido merece os coidados dos pais, da familia, ten dereito á educación, á alimentación, pero como persoa que é debe gozar dos dereitos humanos. Con tal de seren alimentado e mandado á escola, parecía que, co neno, todo estaba feito, subliña Antonio Pombo. «Pero Korczak incluso deixou dito que o neno tiña dereito a mentir, a roubar, a equivocarse, á morte prematura. Nunca antes, que se saiba, se falara de que o neno tiña dereito a non pasar un inferno cunha enfermidade que o tivera sufrindo sen obxectivo». Korczak quedou moi impactado cando, xa sendo médico, o mobilizaron coa guerra ruso-xaponesa e despois cando a Grande Guerra. No fronte quedou abraiado cos nenos despanzurrados polas cunetas, amputados, cegos, vítimas civís… Outra cousa que lle doía eran os fillos de alcohólicos. «É moi duro ver a un neno ferido, pero non é menos duro -advertía- ver a un neno correndo tras do seu pai borracho, dicíndolle: ‘‘papá, por favor, volve á casa’’». No código penal que elaborou para o orfanato, con 109 artigos, os cen primeiros eran de perdón. Só os tres ou catro últimos contemplaban sanción, e só o derradeiro significaba a expulsión. En 30 anos, só catro rapaces foron expulsados.

Por: Héctor J. Porto

Fuente: La Voz de Galicia